Friday 03 de May de 2024

O concello de Riveira mellorará o acceso e porá en valor o Miradoiro dos Castelos


O Concello de Riveira ten intención de acondicionar e poñer en valor un dos miradoiros menos coñecidos do municipio: o miradoiro dos Castelos, situado na parroquia de Aguiño.

Para tal fin, os servizos técnicos están traballando na elaboración dun proxecto que inclúe a mellora do camiño de acceso dende a estrada da Graña. A vía está conformada por terra na súa maior parte (uns 95 metros) dificultando o seu tránsito. O que se pretende é pavimentala con aglomerado asfáltico.

Ademais, vaise instalar diversos mobiliario urbano no propio miradoiro, como bancos para que os veciños e visitantes que se acheguen a este punto disfruten das magníficas vistas existentes cara Aguiño, a ría de Arousa e a illa de Sálvora, cara Carreira ou tamén cara o parque natural de Corrubedo.